Equiocio arranca este xoves cunha xornada protagonizada polos nenos e as mascotas

En marcha os últimos preparativos en Covas (Ferrol) para o arranque este xoves de Equiocio 2022. Tras dous anos marcados pola covid, o certame de hípica e de lecer prepárase para vivir do 4 ao 7 de agosto unha edición sen restricións, cunha aposta clara por reforzar a súa vertente de ocio e as súas accións destinadas a crear conciencia social e ambiental. Protagonizan a xornada prólogo o público infantil e as súas mascotas.

A organización abrirá a súa programación cunha tarde pensada para que toda a familia –animais de compañía incluídos- goce do Campo das Cabazas, onde, dende o venres e ata o domingo, terán lugar as competicións ecuestres, auténticos pratos fortes do veterano certame ferrolán. Tan é así, que o Concurso Nacional de Salto tres estrelas Cidade de Ferrol, as probas nacionais de ponis valedoiras para a “Copa Campeones” e os concursos territoriais de salto mobilizarán a 260 xinetes e amazonas chegados de media España e de Portugal.

Equiocio activarase este xoves ás 16 horas, aínda que as tres bazas principais da xornada chegarán a media tarde, tras un acto de irmandade con outros eventos culturais e celebracións de interese turístico da cidade (17.30 h), desde a Semana Santa ata as Meninas de Canido. Así, ás 18 h darán comezo tanto a tradicional xincana infantil, organizada polo Club BTT Valle de Esmelle e Ciclos Roca, cun circuíto de probas na pista central do certame para testar a habilidade dos nenos e nenas coas bicis btt, como o Festival de mascotas. Esta proposta busca poñer en valor a convivencia cos animais de compañía, distinguindo a mellor historia de superación, o maior exemplo de interacción e á familia máis entregada ao coidado. Ademais, haberá un obradoiro de peiteado canino.

E completando o triplete, unha das iniciativas potentes no campo gastronómico: a primeira das nove degustacións, con prazas limitadas, de “Galicia sabe amar, a campaña coa que a Consellería do Mar promocionará no evento o consumo de peixes e mariscos, mostrando a súa variedade e calidade. Neste ocasión, poderase saborear polbo.

Finalmente, o certame deixará ver desde o minuto un o seu compromiso coa sostibilidade –haberá tres obradoiros de reciclaxe creativa- e por favorecer valores como a inclusión e a solidariedade. Nesta primeira xornada poderase participar nun curso de linguaxe de signos impulsado pola Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra e nun obradoiro de creatividade consciente, da Asociación sociocultural ASCM. Ademais, a película de animación elixida para a sesión de cinema ao aire libre (22 h) será “Valentina”, a historia dunha nena con síndrome de Down que soña con ser trapecista. Toda unha declaración de intencións.

Equiocio conta como patrocinadores principais na súa 31 edición coa Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, Estrella Galicia e Gadis. Aínda que o listado de colaboradores inclúe tamén entidades como a Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol, Sogama, Carné Xove, Reganosa, Coca-Cola, J. Rilo, a Federación Galega de Hípica ou a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Covas e Esmelle, propietaria dos terreos nos que anualmente se desenvolve o certame.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *