Inaugurado oficialmente Equiocio Ferrol 2025. O certame hípico e de lecer familiar acollía esta tarde o acto que marca o inicio formal da celebración, que se desenvolve ata o domingo 3 de agosto en Covas. Un evento arraigado que, como sinalaba a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, ademais de ser unha cita deportiva indispensable no verán galego, “é a combinación perfecta do que é Ferrol”.
A responsable autonómica foi a encargada, xunto ao deputado provincial de Deportes, Antonio Leira; ao tenente alcalde de Ferrol, Javier Díaz; e ao presidente do comité organizador, Ricardo Pérez Lama, de dar o pistoletazo de saída a esta 34 edición de Equiocio, que comezaba pola mañá coas probas do Concurso Territorial de Salto, aperitivo do Concurso Nacional de Salto Cidade de Ferrol, o único tres estrelas do calendario hípico de Galicia, e do Nacional de Ponis.
O presidente do comité organizador comezou a súa intervención cun recordo ao desaparecido Federico Pérez Lago Álvarez, ideólogo do certame. Incidiu ademais na importancia deportiva desta cita na que participan máis de 200 amazonas e xinetes, chegados de diferentes puntos de España e de Portugal. E reivindicou a parte “consciente” do evento, que se atopa en constante crecemento.
Os representantes políticos coincidiron en destacar nas súas intervencións que o certame ten transcendido o plano deportivo, converténdose nun escaparate do esencial da comarca nos ámbitos deportivo, cultural, medioambiental, social e turístico. O tenente alcalde de Ferrol reivindicou ademais o papel dinamizador de Equiocio Ferrol na economía da cidade.
Tras a inauguración, á que asistiron a alcaldesa de Narón, o rexedor de Valdoviño, concelleiros e concelleiras de distintos municipios da comarca, patrocinadores e representantes do mundo da cultura e do ámbito social, iniciouse o tradicional percorrido polas instalacións, e a posterior entrega do Trofeo Xunta de Galicia.
PROGRAMACIÓN
No que atinxe á oferta de lecer, ao longo da xornada activábanse algunhas das principais apostas como poden ser o Ecomarket, os talleres de cociña creativa de Gadis, as actividades de sonoterapia, as degustacións de produtos do mar e, como non, propostas clásicas como a xincana de btt, coa colaboración do Club de BTT Valle de Esmelle, ou o Festival de mascotas. Entre as apostas deste venres, con obradoiros temáticos durante toda a xornada, figuran a ruta BTT ao atardecer ou o concerto de Edu Calvario, a partir das 21:30 horas.
Equiocio Ferrol 2025 conta como principais patrocinadores coa Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Concello de Ferrol, Turismo de Galicia, Gadis, Estrella Galicia, Turismo de Galicia. E xunto a eles, a Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol, Sogama, J. Rilo, Integral Motion, ou a Comunidade de montes veciñais en man común de Covas e Esmelle.
