Equiocio Ferrol presenta o cartel oficial do seu 35 aniversario

Xa hai cartel oficial. Equiocio Ferrol lanzaba esta tarde nas súas redes sociais a imaxe coa que promocionará a súa próxima edición, que terá lugar no Campo das Cabazas (Covas) do 6 ao 9 de agosto. A obra da ilustradora Carola Bouza, xunto ao novo logotipo, actualiza a imaxe do certame hípico e de lecer, que celebra este ano o seu 35 aniversario.

Apunta a autora que, no debuxo, “unha figura equina álzase en busca de conexión cun pequeno alado”, unha conexión que lembra á do binomio cabalo- xinete ou cabalo-amazona, clave na competición hípica.

O deseño, segundo subliña Carola Bouza (San Sadurniño, 1997) alude ademais a Equiocio Ferrol como espazo de encontro, marcado pola “paixón polos equinos” e o compromiso e respecto á contorna natural. “Non é casualidade que o corpo do cabalo cree unha onda, simulando o movemento do mar”, indica.

Coa elección desta artista multidisciplinar, especializada en debuxo e ilustración, Equiocio Ferrol reforza o seu vínculo con creadores e creadoras da zona. Así, nas últimas edicións achegaron o seu talento para proxectar o evento nada menos que Eduardo Hermida, Carla Villaamil e Maribel Garrote.

O certame contará na súa edición 35 aniversario como principais patrocinadores coa Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, así como con Estrella Galicia, Gadis e Integral Motion. Hai que sumar ademais as colaboracións de Universidade da Coruña, Deporte Galego, JRilo, Sogama, Federación Hípica Gallega, Pavo e a Comunidade de montes veciñais en man común Covas- Esmelle, Espacio Návitas e Bcen.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *