Gadis levará a Equiocio Ferrol os seus obradoiros de cociña creativa para a rapazada

Gadis e Equiocio Ferrol renovan o seu acordo de colaboración, e esta mañá, o presidente do comité organizdor do evento, Ricardo Pérez Lama, e o delegado en Ferrol e conselleiro da firma, José Carlos Díaz Arnau, estampaban a súa firma ao documento. Facíano en presenza da concelleira de Seguridade e Mobilidade de Ferrol, María del Carmen Pieltain Fernández, do adxunto ao delegado de Gadis, Fernando Mosquera, e da directora do certame, Ana Pérez Lago. No acto, participaban tamén o director deportivo de Equiocio Ferrol, Federico Pérez Lago, e unha ampla representación das entidades sociosanitarias de Equiocio Ferrol.

A rúbrica veu precedida da presentación da programación infantil de Equiocio Ferrol, patrocinada un ano máis por Gadis. Así, os máis pequenos e pequenas da casa poderán participar de novo nos talleres de cociña creativa que tanto éxito tiveron na edición de 2025. “A idea é simple, aprender hábitos saudables e fomentar o coidado do planeta, pero xogando, manchando as mans, e pasándoo en grande”, tal e como avanzou Mosquera.

Por tanto, Equiocio Ferrol converterase de novo nun lugar de aprendizaxe para o coñecemento da gastronomía sostible, unha corrente que busca harmonizar a preparación e o consumo de alimentos coa preservación dos ecosistemas e a promoción da diversidade natural e cultural. Esta filosofía, impresa no ADN de Gadis, implica que non só importa o que comemos, senón tamén como se cultivan, transportan e preparan os alimentos, así como o respecto polas tradicións culturais locais.

Os talleres celebraranse do venres 7 ao domingo 9 de agosto, en horario de mañá (de 11.30 a 14.30 h) e de tarde (de 16.30 a 19.30 horas). Cunha duración duns 45 minutos, haberá unha media de 8 sesións ao día. Están dirixidos a nenos e nenas desde 3 anos ata mozos de 16, e no caso de menores de 3 a 5 anos, poderán estar acompañados/as por unha persoa adulta, que tamén poderá participar na acción.

Pola súa banda, a responsable municipal do Concello de Ferrol, que destacaba a Equiocio Ferrol como evento emblemático do verán a cidade naval, incidía na evolución do certame, “que transcende o puramente deportivo”, e poñíao como “exemplo de sostibilidade”, á vez que subliñaba o compromiso de Gadis.

Para rematar, Ricardo Pérez Lama poñía en valor o inquebrantable apoio de Gadis a Equiocio Ferrol ao longo dos últimos 26 anos “unha alianza estratéxica”, formando parte da historia do certame e enriquecendo a programación do evento edición tras edición con interesantes propostas dirixidas ao público máis novo e estreitamente vinculadas coas prácticas saudables e sostibles.

O acto pechábase coa tradicional foto de familia, coa presenza das entidades do ámbito sociosanitario integradas en Equiocio Social. E é que un ano máis os usuarios e usuarias das asociacións terán prioridade á hora de participar nos talleres de cociña creativa.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *