As entidades sociais que colaboran con Equiocio Ferrol realizan un percorrido guiado por Galicia Textil

A visita a Galicia Textil é xa toda unha tradición nas datas previas a Equiocio Ferrol. As entidades do ámbito sociosanitario integradas en Equiocio Social regresaban a unhas instalacións con moita historia en Xubia, no concello de Neda, onde eran recibidas polo director da factoría, Héctor González.

Con el coñeceron o traballo que se realiza hoxe en día no recinto, enfocado á fabricación de tecido técnico destinado á confección de vestiario profesional. Non só iso, Héctor González volveu adentrar ás persoas participantes nun marabilloso percorrido pola historia da factoría, lembrando os seus inicios como Real Fábrica de Laminación de Chapas de Cobre, Real Fábrica de Moeda, Fábrica de Fusís de Chispa, ademáis de Fábrica de Tecidos dende finais do século XIX.

Nesta edición, na visita guiada participaron usuarios e usuarias, directivas, persoal e máis voluntariado da Asarga, Asociación ASCM, Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra, Adope, Basketmi, Návitas, Patronato Concepción Arenal, Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal e Aspanaes.

Galicia Textil volverá ceder este ano os preto de 300 metros de tea coa que viste Equiocio Ferrol os diferentes stands no Campo das Cabazas, en Covas. Un apoio clave que se remonta a 1998, e que hai 3 anos se ampliaba coa cesión tamén de palets.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *