Equiocio reeditará a Ruta de BTT ao atardecer por Covas e Esmelle

A promoción do exercicio físico e da contorna natural de Ferrol volverán a ser unha tónica na edición deste ano de Equiocio, que se celebrará do 4 ao 7 de agosto no Campo das Cabazas-Covas. Así, o certame reeditará a Ruta de BTT ao atardecer da man do Centro BTT Valle de Esmelle e Ciclos Roca. Celebrarase o venres 5 de agosto, a partir das 19:30 horas, con saída da pista central do certame e un percorrido pensado para realizar en familia pola contorna de Covas e Esmelle. No seu deseño e organización volven a darse a man o clube ciclista local e Ciclos Roca, empresa punteira do sector da bici.

Non será a única actividade sobre dúas rodas, xa que o día anterior, xoves 4 de agosto, a partir das 18:00 horas está prevista unha xincana infantil dirixida a nenos e nenas de ata os 14 anos, cun único requisito: saber andar en bici. Será unha proba de carácter non competitivo, na que todos os nenos e mozos recibirán un agasallo por participar. Celebrarase na pista central de Equiocio, aportando espectacularidade á actividade, e nela poñerán a proba a súa habilidade á hora de superar distintos circuitos de obstáculos.

Nos dous casos, a inscrición ábrese hoxe, a través do formulario web: https://cutt.ly/5LzJbiJ.

Así mesmo, e co patrocinio de Ciclos Roca, o campo das Cabazas acollerá mini rutas guiadas en bicicleta eléctrica para grupos reducidos. Deste xeito, daranse a coñecer as vantaxes deste medio de transporte ecolóxico e sostible e, ao mesmo tempo, achegarase ás persoas participantes a unha espazo natural de
alto valor medio ambiental.

Equiocio 2022 conta co respaldo, entre os seus principais patrocinadores, do Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, Xunta de Galicia, Gadis e Estrella Galicia.