O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou esta mañá o antigo centro ecuestre La Finca, en Mandiá (Ferrol), para coñecer o programa Lecer inclusivo, que promove Equiocio. Nesta xornada a iniciativa contou coa participación de persoas usuarias de Aspanaes. Outras catro entidades sociais de Ferrolterra sumaranse ao proxecto.
A través deste programa, os participantes aprenden sobre coidados do cabalo, desfrutan con eles dun paseo polo campo e percorren un circuíto adaptado. Todas estas actividades contan coa supervisión de persoal especializado e de apoio para garantir a participación en igualdade de todas as persoas.
Durante a súa visita, Fernando González Abeijón subliñou a importancia que ten este programa para os participantes, tanto desde un punto de vista do ocio e do lecer como a nivel terapéutico. Neste sentido, valorou moi positivamente a liña de actividades dirixida a persoas con discapacidade que está a desenvolver Equiocio, organización coa que colabora a Xunta de Galicia con 30.000€ este ano.