Equiocio Ferrol volve poñerse ao servizo das entidades sociosanitarias de Ferrolterra

As entidades sociosanitarias de Ferrolterra volverán ser claves na programación de Equiocio Ferrol, que terá lugar en Covas, do 3 ao 6 de agosto. O certame hípico e de lecer familiar reforza os seus contidos sociais, poñéndose un ano máis ao servizo das entidades para mostrar e impulsar o traballo que estas desenvolven na comarca. A achega das entidades servirá tamén para ampliar o abano de actividades do evento.

Ademais de dispor de stands propios para divulgar o seu labor e vender produtos solidarios (Afal Ferrolterra, Mitrata Nepal España…), varias das entidades que colaboran de forma habitual con Equiocio Ferrol desenvolverán no certame actividades, nunha aposta máis por impulsar posibles sinerxias e aumentar a súa visibilidade.

Así, tal e como sucedera nas últimas edicións, a contribución do Patronato Concepción Arenal será fundamental. A entidade, ademais de encargarse do deseño dos “ecotrofeos”, asumirá este ano a xestión diaria do Punto Violeta, dos talleres infantís de conciliación e a atención dalgúns dos postos institucionais.

Pola súa banda, voluntariado de Affinor desenvolverá obradoiros de reciclaxe creativa (xoves, venres e sábado). Asarga organizará clases de zumba e de bachata (sábado ás 18.30 e 19.30 horas, respectivamente). E Asociación Sociocultural ASCM dará a coñecer entre os asistentes a súa «Guía práctica inclusiva» para completar o Camiño Inglés en cadeira de rodas.

Neste 2023, estréase Basketmi, que nos días centrais do certame,  convidará en horario matinal ao público a probar a experiencia de xogar ao baloncesto en cadeira de rodas e polas tardes desenvolverá exhibicións de BSR e baile.

E finalmente, co ánimo de apoiar o traballo que desenvolven, a organización facilitará que Saúde Mental Ferrolterra, Eume e Ortegal, que contará cun horto efémero no Campo das Cabazas, dispoña dun posto na zona gastronómica para a venda de petiscos vexetarianos, preparados coas verduras colleitadas nos seus obradoiros. Mentres Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra (AXF), que achegará intérpretes de lingua de signos na inauguración oficial, e ASCM compartirán stand para a venda de pizzas. Trátase con iso de axudar a recadar fondos para impulsar a acción diaria destas asociacións.

Equiocio Ferrol contará na súa XXXII edición co patrocinio, entre outros, do Concello de  Ferrol, Deputación provincial da Coruña, Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, Gadis e Estrella Galicia.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *