Equiocio Ferrol volve poñerse na súa 33 edición, que se celebra do 1 ao 4 de agosto, en Covas, ao servizo da marca Ferrol. O certame contribuirá á promoción de eventos que poñen no mapa á cidade, así como de agrupacións musicais emblemáticas. Ademais de ter un espazo reservado para a exposición, varias agrupacións senlleiras actuarán en momentos clave do evento.
De xoves ao domingo, a carpa de acceso ao certame hípico e de lecer familiar servirá para a promoción da Noite das Pepitas, declarada de interese turístico de Galicia, do festival Meninas de Canido, da Coral Polifónica do Casino Tenis Club e máis da Agrupación Musical Virxe do Carme Ferrol. Esta última toma a testemuña ao Real Coro Toxos e Froles que, por mor da coincidencia do certame con actuacións comprometidas, non poderá estar presente.
Nesta espazo de paso obrigado, o público visitante poderá achegarse á historia dalgúns destes eventos e formacións musicais, coñecer curiosidades deles e mesmo desfrutar de traballos audiovisuais sobre eles, grazas ao apoio brindado por Star Center Narón.
Ademais tanto a Coral Polifónica como a Rondalla do Club de Campo, en representación este ano da Festa das Pepitas, porán o toque musical na inauguración oficial de Equiocio Ferrol (venres 2 de agosto ao mediodía) e, por último, a Agrupación Musical Virxe do Carme Ferrol ofrecerá o sábado ao mediodía un mini concerto no que non faltarán bandas sonoras de películas ben coñecidas.
Equiocio Ferrol conta nesta nova edición co patrocinio, entre outros, de Concello de Ferrol, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Gadis, Estrella Galicia, Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol e Turismo de Galicia.