Equiocio Ferrol oferta 40 bautismos de surf gratuítos para persoas usuarias do Carné Xove

Equiocio Ferrol volverá promocionar o Carné Xove na edición que arranca o vindeiro 3 de agosto en Covas. Os usuarios e usuarias desta tarxeta- galegos/as de entre 12 e 30 anos- poderán acceder a regalos directos no certame, descontos en actividades e propostas exclusivas. É o caso dos bautismos de surf, que se ofertarán dende as xornadas previas ao evento na praia da contorna que reúna nese momento mellores condicións de mar. A organización abre hoxe mesmo o prazo de inscrición para esta actividade.

Ademais da hípica, Equiocio Ferrol dará a coñecer as posibilidades da franxa litoral ferrolá como escenario de deportes vencellados á natureza como o surf. Da man de Ferrol Surf School e no marco do acordo de colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e Abanca, ofertará do 31 de xullo ao 4 de agosto, un total de 40 prazas para a mocidade que dispoña do Carné Xove e queira probar a experiencia de aprender a cabalgar as ondas.

Para beneficiarse dunha destas “clases de iniciación” cómpre anotarse antes do  venres da próxima semana a través do mail equiociocomunicacion@gmail.com, enviando os datos básicos de contacto (nome e apelidos, idade, e teléfono), ademais de copia escaneada ou foto do Carné Xove. Obviamente, tamén será condición indispensable para participar saber nadar.

A oferta de surf incluirá clases de iniciación a estes deportes para os xinetes e amazonas que o soliciten, grazas a unha campaña posta en marcha, co apoio da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, para promocionar as praias de Ferrolterra como destino perfecto para a práctica do surf.

Regalos e actividades

No marco da promoción do Carné Xove, que permite á mocidade o acceso a bens e servizos culturais, comerciais, aloxamentos, transportes, a través de descontos ou vantaxes, Equiocio Ferrol ofrecerá tamén descontos do 20 % no prezo das clases de iniciación á hípica que se contraten este mes no centro ecuestre Los Gavilanes (Covas), regalos directos a quen presente o carné no stand oficial durante o certame, e impulsará obradoiros de reciclaxe creativo e sobre coidados para os cans.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *