Equiocio Ferrol converte a gastronomía nun novo reclamo do certame

Equiocio Ferrol reforza a súa área gastronómica, ampliando a oferta para dar resposta tamén á demanda dun público que vai en aumento e que aposta pola alimentación vegana, así como a das persoas celíacas. A organización, que contará por segundo ano consecutivo coas degustacións de “Galicia sabe amar”, busca converter a cociña nun reclamo máis do evento, que arrinca mañá xoves en Covas.

O certame contará na presente edición con varias foodtrucks e múltiples stands,  que, cada un coa súa especialidade, permitirán a deportistas e visitantes dispor durante a súa estancia cunha oferta culinaria variada, pensada para todos os padais, e con opcións saudables.

Así, xunto a marcas gourmet habituais- caso de Aruba, cos seus cafés artesanais, ou Bico de Xeado, cos seus xeados cremosos elaborados artesanalmente- súmanse agora a Empanadería, con empanadas tradicionais e veganas; O Lugar, con variedade de tortillas; postos con arepas tradicionais e innovadoras, ademais de “perritos”. Haberá tamén hamburguesería ecolóxica, que servirá especialidades de tenreira galega e alternativas veganas; “croquetería” con produción sen glute; bocatería, e postos de venda de petiscos vexetarianos e pizzas solidarias.

Ademais, nesta aposta por enriquecer a experiencia de Equiocio recorrendo á oferta gastronómica, volverá ter un papel vital a iniciativa “Galicia sabe amar”, da Consellería do Mar, coas súas degustacións para promocionar o peixe, mariscos e conservas de Galicia.

Durante o certame programaranse cinco degustacións nas que distintos cociñeiros galegos mostrarán en directo a preparación dos petiscos, que se poderán saborear, acompañados con viños de Denominación de Orixe.

Haberá pases o venres, ás 13.15 e ás 18 horas; o sábado, ás 16 e ás 18 horas; e o domingo, ás 13.30 horas. Para participar cómpre apuntarse con antelación na carpa que terá a Consellería do Mar nas Cabazas.

A XXXII edición de Equiocio Ferrol contará como principais patrocinadores coa Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, Estrella Galicia e Gadis. E suma tamén as colaboracións da Sociedade de Turismo de Ferrol, Sogama, Carné Xove, Abanca, Coca Cola, J.Rilo e a Comunidade de Montes Veciñais  en Man Común de Covas e Esmelle.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *