Equiocio abre inscricións na IV edición do programa de sendeirismo “En Ruta con Equiocio”. Neste 2023, volve a aliarse coa Sociedade Cultural Columba, que se encargará de guiar os itinerarios, para propor tres percorridos cos que descubrir o patrimonio natural, paisaxístico e histórico do litoral de Ferrol. Un programa que dá continuidade ao calendario de accións previas ao evento, e que se inauguraba hai unhas semanas coa xornada de concienciación medio ambiental realizada no río Xunto, en Esmelle, na que tomaron parte veciños e veciñas e entidades do eido sociosanitario.
Así, “En Ruta con Equiocio” incluirá tres percorridos guiados abertos a veciños e visitantes maiores de 10 anos e participación gratuíta. Discorrerán integramente pola franxa litoral de Ferrol, buscando pór en valor non só a beleza paisaxística da zona, incluída na Rede Natura 2000, senón tamén dar a coñecer unha parte do patrimonio histórico desta parroquia, reivindicando o seu potencial turístico.
A primeira delas está prevista para o sábado 29 de abril ás 10:30 h, e permitirá ás persoas participantes coñecer un pouco máis sobre O ouro en Covas. Será un percorrido circular, con saída e chegada no Campo das Cabazas, que descubrirá os principais vestixios que da actividade extractiva perduran na zona. Así, o itinerario, duns 6 quilómetros de lonxitude e de dificultade baixa, contempla a visita, segundo explica o presidente de Columba, José Manuel López Hermida, á mina prerromana de Covarradeiras e ao lavadoiro de mineral da praia de Ponzos. Tampouco faltarán as explicacións sobre a flora do lugar.
En maio, o sábado 20, celebrarase a Ruta dos Xigantes centrada na observación das impresionantes pedras e formacións rochosas antropomorfas e zoomorfas que existen na zona de Prior. A saída, do Faro de Cabo Prior, terá lugar ás 10:30 horas para iniciar un itinerario de algo máis de 7,5 kms e dificultade media.
E xa no mes de xuño, o sábado 3 ás 10:30 h, terá lugar a ruta do castro de Lobadiz, que levará aos camiñantes a pasear polo litoral comprendido entre as praias de Doniños e San Xurxo, fronte ás illas Gabeiras. Un espazo costeiro que conxuga interese ambiental e arqueolóxico. De feito, nel se atopa o asentamento castrexo costeiro máis grande de Ferrol, con estruturas apreciables a simple vista. Un ben que permanece esquecido.
INSCRICIÓN
As persoas interesadas en tomar parte no programa, gratuíto, deben formalizar a súa inscrición enviando un correo electrónico a equiociocomunicacion@gmail.com, sinalando nome e apelidos, DNI, data de nacemento, enderezo, teléfono e nome da ruta na que desexa apuntarse. No caso de menores de idade, terán que ir acompañados dunha persoa adulta.
O certame volve a contar neste 2023 co patrocinio do Concello de Ferrol, da Deputación provincial da Coruña e da Xunta de Galicia, así como de Gadis e Estrella Galicia.