Equiocio Ferrol recibía esta tarde a visita do alcalde, José Manuel Rey Varela. A súa chegada coincidía coa saída dos máis de 100 participantes -nenos e maiores- na ruta BTT ao atardecer polas parroquias de Covas e Esmelle, organizada polo club local, e o rexedor daba o pistoletazo de saída. Antes, realizaba unha breve intervención na que destacaba que “Equiocio é un orgullo para Ferrol”. Un evento imprescindible no calendario festivo da cidade que aúna deporte, hábitos saudables, sostenibilidade e compromiso social, e que actúa como un magnífico escaparate para Ferrol. Xunto á delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; o concelleiro de Festas e Mocidade, Arán López; o presidente do comité organizador, Ricardo Pérez Lama, e a directora do evento, Ana Pérez Lago, realizaba un percorrido polo certame, que concluía coa entrega dun dos trofeos da competición hípica.
