Preto de 300 xinetes e amazonas compiten nos diferentes concursos de salto de Equiocio Ferrol

Todo a punto en Covas para a celebración de Equiocio Ferrol. A organización presentaba esta mañá a 33 edición do certame de hípica e lecer familiar, que se celebra do 1 ao 4 de agosto no Campo das Cabazas. Máis de 280 xinetes e amazonas de España e Portugal mediranse nos diferentes concursos de salto, prato forte dun evento, que aposta como nunca pola sostibilidade e potencia ademais a súa oferta paralela, co obxectivo de mellorar a experiencia dos milleiros de visitantes.

O patio do Centro Cultural Torrente Ballester acolleu, un ano máis, a presentación oficial de Equiocio Ferrol. Unha cita na que interviñeron o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey; a delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, e a deputada provincial Rosana García, que deixou ben patente o arraigo do certame na comarca.

Así, no acto, ao que non faltaron o presidente do comité organizador, Ricardo Pérez Lama, e a súa directora, Ana Pérez Lago, participaron patrocinadores privados como Gadis ou Estrella Galicia, e contou cunha ampla representación da vida política, social e cultural do conxunto de Ferrolterra.

HÍPICA

O director técnico do evento, Federico Pérez Lago, incidiu no tirón das competicións hípicas, nas que están inscritos 264 cabalos, procedentes de Galicia, Madrid, Asturias, Cantabria, Castela e León, Valencia e Portugal, e que contarán con máis de 300 saídas a pista. “Estamos na capacidade loxística máxima para garantir o benestar dos cabalos e unhas axeitadas prestacións aos deportistas”, destacou.

O Concurso de Salto Nacional*** Cidade de Ferrol volve ser o único desta categoría do verán galego e reunirá a deportistas de primeiro nivel. Destacou a delegación portuguesa cunha vintena longa de xinetes e amazonas. Entre eles, volve, tras moitos anos de ausencia, Miguel Viana, dúas veces gañador da proba raíña, e o vencedor das edicións 2021 e 2022, Ivo Carvalho. Tampouco faltarán nomes como o do galego Javier González Fraga ou o madrileño Álvaro Gil.

Refórzase o Nacional de Ponis, que volve ser valedoiro para a Copa de Campeones. E ademais Equiocio Ferrol convértese nunha das once sedes da Liga De Norte a Sur. Finalmente, e fiel ao seu espírito de apoiar á canteira galega, o certame é referencia para os deportistas do país co seu concurso territorial.

OFERTA DE LECER

Aínda que, tal e como explicou Federico Pérez Lago, o certame é moito máis que hípica. Non faltará ningunha das propostas clásicas, comezando pola ruta btt, ou polo festival de mascotas, que abren o certame na tarde do xoves. Volven ser claves na programación as entidades sociosanitarias de Ferrolterra. Haberá oco para a promoción turística, e consolidarase o espazo cultural marca Ferrol.

Refórzanse as apostas que tiveron maior tirón. Teremos ata dez degustacións de GALICIA SABE AMAR; amplíase o mercado de firmas sostibles e de proximidade, e tamén os obradoiros de plantación de Gadis. Finalmente, chegan novas  propostas como os talleres de novas tecnoloxías e robótica do Eco Maker. Deste xeito, o público poderá elixir a diario entre unha vintena de propostas de lecer.

O conselleiro e delegado de área en Ferrol de Gadis, José Carlos Díaz Arnau, puxo en valor que o certame, co que a firma leva colaborando un cuarto de século, é “unha referencia nos veráns de Ferrolterra”. Engadiu Loreto Rodríguez, responsable de medios de Estrella Galicia  que, co seu impacto positivo, contribúe a poñer a Galicia no mapa.

Pola súa banda, a deputada provincial, Rosana García, subliñou o feito de que o evento “une deporte, compromiso social e sostibilidade, e é ademais un escaparate único do Xeodestino Ferrolterra Rías Altas”. E a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, incidiu en que Equiocio “enriquece  o noso tecido deportivo, dinamiza a economía local e reforza a nosa identidade. É un evento que crea cidade”.

Finalmente o alcalde, José Manuel Rey, referiuse á capacidade do certame para sumar, ano a ano, novas vontades, destacando que une a tres administracións, grandes empresas galegas e ao tecido social e cultural. E, tras apuntar que “presenta a Ferrol como un lugar único para desfrutar do deporte, da natureza, do medio ambiente, para desfrutar da familia, da solidariedade”, convidou a todos os galegos a visitalo.

O acto pechouse coa interpretación da marcha Radetzky, a cargo da Agrupación musical Virgen del Carmen Ferrol, e a tradicional foto de familia.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *