Novamente Javier González Fraga converteuse no gran protagonista da xornada deste sábado en Equiocio coa vitoria nas dúas probas grandes, do mesmo xeito que o día anterior. Primeiro, na competición de 1.35, Trofeo Deputación Provincial da Coruña, montando a Bubalú e terminou a xornada sendo o mellor no desempate do Pequeno Gran Premio Gadis a lombos de Sonic JGF.
Pola mañá, na pista principal desenvolveuse a competición de ponis, moi concorrida e na que nos A gañou Antía Domínguez, sobre Cascabel Kily. Nos B repetiu o triunfo da xornada anterior Candela Tardío, sobre Campolaverdad Vito, mentres que nos C tamén gañou por segunda vez Candela Suárez, a lombos de Quezac du Gevaudan, e nos C2 a vitoria recaeu en Iria Rodríguez, con Dorien VD Eindhoven.
Na competición sobre 1.00 metro, o triunfo foi para Elisa García, con Nardeli, mentres que en 1.10, na proba territorial gañou Insider, de Carla Castrillo, e na nacional, Una de Beluchi, con Belén Rodríguez. Por último, en 1.20 metros, impúxose Lara Cristina Diego, montando a Aurita de Pravia.
Mañá celébrase a última xornada de Equiocio, na que o Gran Premio Concello de Ferrol celebrarase, a partir das 12.00 horas, mentres que pola tarde tamén haberá a competición principal dos ponis.