Vitoria para o luso Ivo Carvalho na primeira proba grande de Equiocio Ferrol 2024

Primeira xornada de competición hípica en Equiocio Ferrol 2024. O portugués Ivo Carvalho impúxose na proba grande, sobre unha altura de 1,35 m. Fíxoo a lombos de “Gaiato C”, cabalo co que se proclamou vencedor do Gran Premio Cidade de Ferrol o pasado ano. O xinete luso anotouse ademais a vitoria en 1,30 metros, esta vez con “Jamaica”.

As dúas probas puxeron o colofón a unha xornada intensa de hípica, que arrincaba coa disputa das probas nacionais de ponis correspondentes á liga de Norte a Sur, unha novidade nesta 33 edición do certame, destinada a reforzar, aínda máis, o atractivo para os xinetes máis novos.

Na categoría de ponis A, o triunfo foi para María González; en ponis B2, Martina Boland; en ponis B, a vitoria foi para Gonzalo Criado; en ponis C2, o primeiro posto foi para María Rodríguez; en ponis C para Olivia Gómez, e en ponis D, para Hugo Blanco.

Mentres, nas probas territoriais de 0,50 m disputouse baixo o baremo asincronómico, habendo 25 premiados, que foron primeiro ex aequo, así como as de 0,80 e 1 m. 

Durante a tarde disputáronse as probas correspondentes ao Concurso de Salto Nacional*** Cidade de Ferrol. Ademais do citado Ivo Carvalho, a lista de vencedores do CSN incluíu en 1,10 metros a Rocío García e a Verónica Villamor na proba de 1,20 metros.

O certame de hípica e lecer familiar conta no 2024 co patrocinio de Xunta de Galicia, Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, Gadis, Estrella Galicia, Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol, Autoridade Portuaria Ferrol- San Cibrao Sogama, J. Rilo, e Comunidade de Montes en man común Covas e Esmelle.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *