Galicia Textil reforza a colaboración coas entidades sociosanitarias que participan en Equiocio Ferrol

Entidades sociosanitarias de Ferrolterra participaron este martes na visita ás instalacións de Galicia Textil, impulsada por Equiocio Ferrol. A firma, que colabora dende hai décadas co certame de hípica e de lecer familiar, cede cada ano centos de metros de lenzo co que se visten os stands das asociacións da comarca con presenza no evento, que volverá celebrarse en Covas do 1 ao 4 de agosto.

A histórica fábrica de Xuvia, centrada na actualidade na fabricación de tecidos técnicos, abría este martes as súas portas para recibir a unha delegación das asociacións que participan habitualmente nas actividades da rede tecida por Equiocio Ferrol.

E así, da man do director da factoría, Héctor González, representantes de ASCM, Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra, Aspanaes, Aspaneps, Affinor, Afal, Alcer, Saúde Mental, Patronato Concepción Arenal, Basketmi e Návitas coñecían o día a día da planta de tecidos e descubrían as dependencias como a igrexa da centenaria colonia fabril, que xurdiu como Real fábrica de cobre, despois de moedas, de fusís, de latas de conserva e, dende finais do século XIX, de tecidos.

As asociacións e a propia directora de Equiocio Ferrol, Ana Pérez Lago, quixeron agradecer ao equipo de Galicia Textil o permanente compromiso co certame e, en particular, coas entidades sociosanitarias que nel participan, ás que cede cada ano uns 300 metros de lenzo para que poidan decorar os seus stands. Unha axuda que irá a máis nesta edición na que tamén prestará os palés que servirán para estruturar o conxunto de espazos expositivos e informativos, que se poderán visitar durante o certame.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *