Equiocio Ferrol promocionará o Xeodestino Ferrolterra- Rías Altas

Equiocio Ferrol desenvolverá, en colaboración coa Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, unha campaña destinada a promocionar o Xeodestino Ferrolterra- Rías Altas entre as amazonas e xinetes que competirán nos seus concursos hípicos. A iniciativa centrarase no turismo familiar e no surf.

Os deportistas procedentes de distintos puntos de Galicia, do resto de España e do estranxeiro que participen nos distintos concursos hípicos de Equiocio Ferrol do 3 ao 6 de agosto recibirán antes da súa visita material promocional sobre os plans e recursos turísticos para que poidan gozar ao máximo da súa estancia en Ferrolterra.

A organización distribuirá a “Guía de Turismo Familiar”, editada pola entidade supramunicipal, e ofrecerá unha campaña específica de bautismos de surf nas praias ferrolás durante as xornadas  do evento, dando continuidade así á ofrecida nos días previos aos usuarios/as do Carné Xove. Unha medida en liña coa oferta de actividades deportivas en contacto coa natureza do certame, que contribuirá pois a publicitar a Costa das Ondas.

STANDS INSTITUCIONAIS

Ademais, nas últimas semanas desenvolveuse unha campaña en redes sociais de Equiocio Ferrol para presentar algúns dos puntos de interese incluídos nos municipios da comarca que terán presenza no certame.

Así, aparte da propia Mancomunidade, contarán con casetas turísticas no certame, os concellos de Narón, Neda, Fene, Ares e Valdoviño. E, por suposto,  terá unha presenza destacada Ferrol, un dos principais patrocinadores do evento, que volverá ser escaparate turístico de Ferrolterra.

Equiocio Ferrol 2023 contará co patrocinio, entre outros, da Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, Concello de  Ferrol, Deputación provincial da Coruña, Gadis e Estrella Galicia.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *