Equiocio Ferrol pon o foco na importancia do benestar animal co seu Festival de mascotas e con talleres de coidados caninos

Equiocio Ferrol porá o acento este ano na importancia do benestar animal. Un obxectivo que suporá medidas no referente á competición hípica e que inspirará actividades ao longo da súa programación. Nesta liña, convoca unha nova edición do Festival de mascotas e, en paralelo, anuncia a organización de obradoiros relativos ao coidado dos cans que, na actualidade, son considerados parte da familia.

A organización anuncia que será na xornada de arranque do certame, o xoves 3 de agosto no Campo das Cabazas, en Covas, cando teña lugar o tradicional festival, patrocinado por Hill´s, co que pretende pór en valor a aportación dos animais domésticos á convivencia, fomentar o coidado das mascotas e impulsar a adopción de cans e gatos que enchen tanto o Refuxio de Mougá como as protectoras que traballan na comarca.

No evento, os propietarios deberán presentar ao público asistente os seus animais de compañía, explicando o vínculo que os une a eles, os beneficios que conleva a súa  presenza no ámbito familiar ou a súa propia historia. Todas as mascotas recibirán un agasallo. E o xurado outorgará ademais tres premios especiais a aquelas mascotas que presenten cualidades excepcionais por ser exemplo de superación, pola súa excelente interacción coa familia, ou pola xenerosidade e dedicación desta para coas mascotas. En definitiva, como vén sendo habitual premiarase o aspecto emocional fronte a cuestións como a raza ou beleza.

O xurado estará integrado pola delegada de Hill´s en Galicia, Natalia García; Amparo Blanco, representante da Protectora Arco da Vella; Montse Fernández, veterinaria que colabora habitualmente coas protectoras da zona, e Beatriz Capón, de Peluquería canina A Malata. Incorpórase tamén a bióloga e coordinadora da colonia felina de Ferrol Vello, Juana Pardo. Unha presenza coa que se quere dar visibilidade ao traballo que desenvolve o voluntariado que atende aos gatos da rúa.

As inscricións realizaranse no  propio certame, cubrindo o boletín que podes descargar aquí xunto coas bases, e entregándoo ata un cuarto de hora antes do inicio da actividade. 

Os animais deberán presentar un bo estado de saúde e estar debidamente coidados. No caso de especies exóticas, terá que acreditarse a súa propiedade e situación legal.

Obradoiros de coidados

Nos días sucesivos, e da man de profesionais de Peluquería canina A Malata, desenvolveranse talleres para explicar aos propietarios aspectos básicos para mellorar a súa calidade de vida das súas mascotas. Así, nos obradoiros “Coidados para os nosos amigos de catro patas” abordaranse cuestións como o axeitado cepillado do manto, como facer un corte de unllas, ou a necesidade dunha boa limpeza de oídos, ollos e dentes, ademais de dar algunhas claves para conseguir un bo comportamento daquelas mascotas que se resisten a pasar polos salóns de peiteado canino. As citas, patrocinadas pola Dirección Xeral de Xuventude e Abanca, serán o venres 4 e sábado 5 de agosto, de 18 a 20 horas, e o domingo 6, de 12 a 14 horas.

Equiocio contará na súa XXXII edición co patrocinio, entre outros, do Concello de  Ferrol, Deputación provincial da Coruña, Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, Gadis e Estrella  Galicia.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *