A programación previa ao certame de Equiocio Ferrol continuaba hai uns días na praia de Esmelle. Era o escenario elixido para levar a cabo unha nova edición dos seus bautismos de surf. Nos últimos anos, a actividade convertíase nun fixo do programa dada a excelente resposta que recibe por parte da cidadanía edición tras edición. E unha vez máis, Equiocio Ferrol contaba co apoio da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol para promover este proxecto, co que se busca promocionar a marca Costa das Ondas do Xeodestino Ferrolterra. Destaca nesa aspiración o carácter inclusivo da proposta, con sesións de iniciación ao surf adaptadas tamén para persoas con discapacidade. Desta volta, sumáronse usuarios e usuarias de Aspanaes, asociación moi participativa nestas actividades.
Os instrutores de Ferrol Surf School encargáronse de guiar as sesións, que colgaban o cartel de completo. Así, ofreceuse de novo unha actividade segura, divertida e adaptada a todos os niveis, coa que poder vivir a experiencia de cabalgar unha onda, ou, cando menos, intentalo. E fiel ao espírito da programación, a acción foi completamente gratuíta.
Equiocio Ferrol conta neste 2026 como patrocinadores principais con Xunta de Galicia, Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, Gadis e Estrella Galicia, así como colaboradores como Integral Motion, Sogama, ou a Comunidade de montes veciñais en man común Covas–Esmelle.
