Equiocio Ferrol contará do 3 ao 6 de agosto cun mercado de marcas galegas sostibles

Equiocio Ferrol, que se desenvolverá no Campo de As Cabazas do 3 ao 6 de agosto, reforzará a súa aposta pola sostibilidade creando un mercado de firmas artesanais e verdes. Unha iniciativa que busca apoiar a pequenos produtores galegos, fomentado o respecto e coidado do medio ambiente. O zoco, bautizado como Ecomarket, reforzará ademais o seu atractivo programando obradoiros destinados a todos os públicos.

Unha decena de marcas darán vida a este proxecto impulsado polo certame hípico e de lecer familiar, grazas ao cal o público asistente poderá comprar moda (roupa e complementos), artesanía e cosmética natural verdadeiramente ecolóxicas. Unha iniciativa “ecofriendly” que busca promover a sostibilidade e a conciencia ambiental.

A nómina de pequenos produtores de proximidade que participarán inclúe a Slowbasic (moda ecolóxica e artesanal); Offconnection, que levará as súas pezas de edición limitada deseñadas a partir de retales de tea que lle sobra ás grandes marcas; Livegens (lentes e reloxos sostibles, feitos de madeira lixeira); Nalu (xoias feitas a man e inspiradas no mar); Das Crebas (artesanía con madeira de deriva); La Barroteka (cerámica artesanal); Ringana (cosmética vegana e natural) e Rocigarcía (velas artesanais veganas).

A iniciativa, que conta coa colaboración de Sogama, contará ademais cunha parte educativa coa oferta de talleres dirixidos ao público visitante. Así, ao longo de toda a xornada- os postos abrirán de 10 a 14 horas e de 16 a 21 h-no stand de Das crebas poderase seguir en directo o proceso de fabricación de elementos decorativos realizados a partir de madeira recollida do mar, e ensinarase a quen o desexe a deseñar chaveiros únicos.

En paralelo, La Barroteka propoñerá aos visitantes poñer mans ao barro. E así, desenvolverá en vivo talleres gratuítos para que poidan crear as súas propias pezas de cerámica. Neste caso, as prazas serán limitadas e as persoas interesadas poden inscribirse no email equiociocomunicacion@gmail.com.

Equiocio contará na súa XXXII edición co patrocinio, entre outros, do Concello de  Ferrol, Deputación da Coruña, Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, Gadis e Estrella  Galicia. E Sogama colaborará na programación de marcado carácter medioambiental.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *