Equiocio Ferrol 2024 reivindícase como gran escaparate para a promoción do mellor de Galicia

“Un evento deportivo único, que ensalza o mellor que temos en Galicia”. Así presentaba o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, “Equiocio Ferrol”. O responsable autonómico presidía este mediodía a inauguración oficial dun certame de referencia no plano deportivo que, ao longo das súas 33 edicións, se ten convertido nun escaparate único para o destino Ferrolterra-Rías Altas.

Durante o acto oficial, que contou tamén coas intervencións da deputada provincial Rosana García, e do alcalde accidental de Ferrol, Javier Díaz, o presidente do comité organizador, Ricardo Pérez Lama, incidiu en que se trata dun evento singular pola súa capacidade de xuntar vontades, e tamén polo seu compromiso coa sostibilidade e co ámbito social.

O certame, que se desenvolve en Covas ata o domingo, vive hoxe a súa primeira xornada grande, co arranque das distintas competicións hípicas: Concurso de Salto Nacional*** Cidade de Ferrol, Nacional de ponis, valedoiro para a Copa de Campeones e o concurso de salto territorial, nas que participan uns 300 xinetes e amazonas chegadas de distintos puntos de España e máis de Portugal. E, en paralelo, se multiplicaban as propostas de lecer.

Ante un auditorio cheo de representantes da vida política, social e cultural de Ferrolterra e firmas patrocinadoras, a deputada provincial destacaba a importancia de Equiocio Ferrol en todas as súas vertentes e, singularmente, como escaparate turístico de Ferrolterra- Rías Altas. Oito municipios e a Mancomunidade de Concellos da Comarca dan a coñecer no certame os seus principais reclamos. Pola súa banda, o alcalde accidental de Ferrol subliñaba “o impacto positivo que ten Equiocio para o turismo de Ferrol” e do resto da comarca pola cantidade de público que move, e a súa contribución a dinamizar a economía local.

Finalmente, o conselleiro Alfonso Villares destacaba a oportunidade que brinda o certame hípico para poñer o foco nas potencialidades de Galicia, referíndose singularmente á aportación da campaña GALICIA SABE AMAR, “para pór en valor os produtos do noso mar e o traballo dos nosos mellores chefs”.

Tras as intervencións, actuaron a Coral Polifónica ferrolana do Casino Tenis Club e máis a Rondalla do Club de Campo, e as autoridades iniciaban o tradicional percorrido guiado polas instalacións e a posterior entrega de premios dos Trofeos Xunta de Galicia, a cargo de Villares, e da Deputación da Coruña.

No que atinxe á oferta de lecer, ao longo da mañá activábanse novas propostas como os obradoiros de plantación de Gadis, os obradoiros de cerámica de La Barroteka, exhibicións de baloncesto en cadeira de rodas, que se sumaban ao Ecomarket, aos stands culturais e sociais ou ao Espazo Eco Maker… Nas próximas horas chegarán outras actividades como a exhibición do Club de baile deportivo de Narón, ou o concerto nocturno de Malditos Pendejos.

Equiocio Ferrol conta como principais patrocinadores á Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Concello de Ferrol, Turismo de Galicia, Gadis, Estrella Galicia, Turismo de Galicia, E xunto a eles, Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol, Sogama, J. Rilo ou a Comunidade de montes en man común de Covas e Esmelle.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *