Equiocio abre o prazo de inscrición no Concurso Nacional de Saltos 3 estrelas

Equiocio abre inscricións no Concurso Nacional de Saltos (CSN***) Cidade de Ferrol, a única proba desta categoría programada no calendario de competición de Galicia en 2022. E faino a través da web da Federación Hípica Española. Disputarase do 5 ao 7 de agosto no Campo das Cabazas-Covas (Ferrol), coa previsión de igualar os rexistros de récord do pasado ano, no que tomaron parte uns 300 cabalos e unha significativa presenza de xinetes e amazonas de toda España e Portugal. Precisamente, o luso Ivo Carvalho facíase co gran premio.

Repartiranse máis de 17.000 euros entre os primeiros clasificados de cada unha das 12 probas a disputar, con alturas entre os 1,10 m e os 1,40 m. Para esta edición, o comité organizador ten preparado unha pista principal de herba cunhas dimensións de 70×50 metros, namentras que a de ensaio volverá ser de area, cunhas dimensión de 50×25 e unha distancia a cuadras de 30 metros. Dado o gran número de participantes previsto, a organización prevé habilitar 2 novas pistas para poder dar cabida a todos eles.

Así mesmo, a organización avanza que o próximo mes de xullo abrirase tamén a inscrición na Copa de España de Campeóns de Ponis e na Competición autonómica CST (Concurso de Saltos Territorial), do que se informará coa antelación suficiente.

Equiocio 2022 conta co respaldo, entre os seus principais patrocinadores, do Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, Xunta de Galicia, Gadis e Estrella Galicia.