Representantes de oito entidades sociosanitarias de Ferrolterra participaban este mañá na plantación organizada por Equiocio Ferrol no Campo das Cabazas, escenario entre o 3 e o 6 de agosto da nova edición do certame hípico e de lecer familiar. A proposta, destinada a embelecer o espazo natural, constitúe o punto e final do obradoiro de viveirismo impulsado nos últimos meses, en colaboración con Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal.
A actividade desenvolvida hoxe viña a completar a iniciativa que, dende o mes de maio, converteu a integrantes dalgunhas das asociacións que habitualmente colaboran con Equiocio Ferrol, en esforzados xardineiros/as dispostos/as a dar o mellor de si para conseguir que o escenario do evento luza este ano como nunca e aos usuarios e usuarias de Saúde Mental nos seus mestres. Superadas con nota as probas do sementado e o posterior transplante a bandexas de maior capacidade para o seu traslado ao invernadoiro, chegaba hoxe a hora da plantación nas Cabazas.
E así, integrantes da Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra, Aspaneps, ASCM, Patronato Concepción Arenal, Affinor, Afal, Basketmi e de Mitrata Nepal arremangábanse, e poñíanse mans á obra. E con eles, a concelleira de Política Social e Inclusión de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro, quen destacaba o respaldo municipal ao xiro social que consolida Equiocio Social, e o presidente da AVV de Covas, Manel Sendón. O reto, plantar os máis de 600 exemplares de taxetes e alyssums que servirán para adornar as pistas de competición do certame. Un traballo que agradecía publicamente a directora do certame, Ana Pérez Lago.
A organización daba desta forma continuidade ao labor de posta en valor iniciado hai catro anos coa creación dun xardín botánico e, ao tempo, apostaba por reforzar o seu cariz máis social, poñendo en valor o traballo de Saúde Mental para fomentar a inclusión laboral das persoas con enfermidades mentais da e contribuíndo a que se superen prexuízos sociais que sofre este colectivo.
Comezan así os preparativos para Equiocio Ferrol 2023 que, nesta edición, contará co apoio da Xunta de Galicia, Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, Gadis e Estrella Galicia.