Entidades sociosanitarias de Ferrolterra colaboran con Equiocio Ferrol na limpeza do río Xunto

Equiocio Ferrol arrincaba esta mañá o seu calendario de actividades 2024 cunha acción de concienciación medio ambiental. Preto de 30 voluntarios e voluntarias de entidades do ámbito sociosanitario das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal participaban na iniciativa “1m2 contra la basuraleza”, do proxecto Libera, que promoven Ecoembes e SEO Birdlife en toda España.

Equipados con luvas e bolsas, afanáronse na recollida de residuos no último tramo do río Xunto, na desembocadura da praia de Esmelle -e zona de influencia do Campo das Cabazas, onde se celebra Equiocio Ferrol-. Traballo tiveron.

Así, con todo o seu empeño, retiraron unha morea de plásticos -especialmente bolsas, tapóns, recortes de pezas, sacos… e microplásticos-, así como outros refugallos como cordas ou madeiras. Deste xeito, poñían o seu gran de area para manter este espazo natural libre de lixo, e sobre todo, concienciar sobre a adopción de prácticas máis sostibles e respectuosas co entorno. Un traballo ben feito por parte de ASCM, Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra, AFAL Ferrolterra, Aspanaes, Patronato Concepción Arenal e Návitas.

Unha iniciativa incluída na programación Equiocio Ferrol 2024, que regresará en agosto co apoio do Concello de Ferrol, a Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e de grandes firmas galegas como Gadis e Estrella Galicia.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *