Entidades sociais de Ferrolterra protagonizan a limpeza do río Xunto impulsada por Equiocio Social

Voluntarias e voluntarios de distintas entidades sociais e sociosanitarias de Ferrolterra colaboraron, man con man, esta mañá na limpeza do río Xunto, en Esmelle. Unha proposta de Equiocio Social incluída na campaña nacional “1 m2 polos ríos, lagos e encoros”, que impulsa o proxecto Libera de SEO BirdLife en alianza con Ecoembes.

A pesar da ameaza de chuvias, unha vintena de persoas participaron na iniciativa, que arrancou nas inmediacións do local social desa parroquia ferrolá para deseguido achegarse ao primeiro treito do río onde, tras unhas breves indicacións de como proceder, as persoas participantes recibían da organización as luvas e sacos para a recollida dos residuos.

Integraron a brigada de limpeza persoas usuarias e monitorado de Aspanaes, membros de Patronato Concepción Arenal, socias de Asociación de persoas Xordas de Ferrolterra, da ASCM, de Affinor e de Mitrata Nepal España. Tampouco quixeron faltar ao comezo da actividade integrantes de Basketmi Ferrol Club.

Plásticos, botellas, cordas e mesmo un antigo somier metálico foron algúns dos dous treitos visitados do Xunto, un regato que desemboca na praia de Esmelle. Todos este residuos se clasificaron e se depositarán nos seus colectores correspondentes, e no caso do metálico entregarase a xestores autorizados.

A directora de Equiocio, Ana Pérez Lago, subliñou a importancia desta iniciativa para concienciar á cidadanía da necesidade de incorporar ao noso día a día practicas máis sostible e respectuosas co medio natural. Asemade, agradeceu a implicación na xornada de limpeza das entidades que forman parte de Equiocio Social.  

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *