Volve “En ruta con Equiocio Ferrol” con tres itinerarios de sendeirismo por Covas

Equiocio Ferrol, que volverá ao Campo das Cabazas do 31 de xullo ao 3 de agosto, recupera nas vindeiras semanas unha das propostas con máis éxito da súa programación previa. O programa de sendeirismo “En ruta con Equiocio Ferrol” incluirá este ano tres itinerarios guiados gratuítos, destinados a poñer en valor o patrimonio natural e histórico da parroquia ferrolá de Covas, reivindicando o seu interese turístico. 

Coa colaboración da Sociedade cultural Columba, a iniciativa aposta por reeditar as rutas que mellor funcionaron de cantas se organizaron no último sexenio. Percorridos que discorren por espazos incluídos na Rede Natura 2000, cos que se busca ademais promover a práctica de actividade física.

Así, o cartel abrirase o sábado 21 de xuño, ás 11 horas, coa ruta dos xigantes. Un itinerario circular, de evidente interese paisaxístico, con saída e meta no faro de Cabo Prior (uns 7,5 km e dificultade media), para descubrir as rochas zoomorfas existentes nesta zona da costa galega.

A segunda das saídas, prevista para o 5 de xullo, ás 11 horas, permitirá descubrir os vestixios da industria aurífera en Covas. A ruta circular, que partirá do Campo das Cabazas, posibilitará aos participantes achegarse, entre outros puntos, á mina romana de Covarradeiras (6 km e dificultade baixa). Esta explotación a ceo aberto, cun modelo semellante ao das célebres Médulas, está na actualidade colonizada pola vexetación.

O ciclo “En ruta con Equiocio Ferrol” pecharase o 19 de xullo (tamén ás 11 horas) coa tradicional Volta ao Cabo,  un percorrido duns 10 km (con saída do antigo Bar Horizonte e dificultade media) para descubrir a beleza paisaxística e os restos das antigas baterías militares que formaban parte da defensa da Base naval de Ferrol.

Para participar nas camiñadas que, grazas á colaboración da Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra, contarán con intérprete de lingua de signos para facilitar a participación deste colectivo, haberá que inscribirse a través do correo electrónico equiociocomunicacion@gmail.com, indicando nome e apelidos, DNI, data de nacemento, teléfono e nome da ruta ou rutas nas que se desexa participar. 

O programa de sendeirismo forma parte del calendario de accións que anticipan o certame hípico e de lecer familiar. Unha oferta de lecer que conta este ano co apoio do Concello de Ferrol, da Xunta de Galicia, e empresas de referencia como Gadis e Estrella Galicia. Colaboran ademais neste programa Turismo de Galicia e a Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol.

Un comentario

  1. Jose luis campelo Bouza

    quiero apuntarme a las tres rutas

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *