«En ruta con Equiocio» arrinca este sábado descubrindo os vestixios da minería de ouro en Covas

Máis de 60 persoas tomarán parte mañá sábado, 29 de abril, no primeiro dos itinerarios propostos no marco de “En ruta con Equiocio”. O programa de sendeirismo, impulsado, un ano máis, pola organización do  certame hípico e de lecer para pór en valor o litoral ferrolán, regresa cun percorrido que permitirá coñecer os vestixios da minería de ouro en Covas.

A cuarta edición do ciclo de rutas volverá estar guiada por José Manuel López Hermida, da Sociedade Cultural Columba, e convida aos participantes a asistir na compaña das súas mascotas. Ademais desta volta, avánzase unha maior presenza das entidades sociosanitarias de Ferrolterra. Entre elas, acudirán Afal, Affinor, Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra ou Aspanaes.

A primeira ruta sairá do Campo das Cabazas, epicentro de Equiocio do 3 ao 6 de agosto, ás 10.30 horas. A “ruta do ouro en Covas” trátase dun percorrido circular, duns 6,5 km, cuxo punto culminante será a entrada na antiga mina a ceo aberto de Covarradeiras.

Unha explotación aurífera, de época prerromana, hoxe cuberta pola vexetación, na que aínda se poden observar estruturas e ter unha idea da forma de traballar. O percorrido seguirá as pegadas de explotacións máis recentes (comezos do século XX) como pode ser o lavadoiro de mineral da praia de Ponzos.

Promoción turística

“En ruta con Equiocio” consolídase como unha das grandes apostas da oferta de actividades previa ao certame. Unha aposta que busca descubrir á veciños e visitantes algúns dos segredos do patrimonio histórico e natural do litoral de Ferrol.

O certame contará neste 2023 como principais patrocinadores coa Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, Concello de Ferrol e Deputación da Coruña, ademais de Gadis e Estrella Galicia. De feito, estas dúas firmas implicaranse no programa de rutas. A distribuidora de alimentación aportará froita para que os camiñantes poidan repor forzas; e Cabreiroá disporá dispensadores de auga na saída e meta para que as persoas participantes poidan encher as súas cantimploras, garantindo así unha axeitada hidratación.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *