Equiocio Ferrol ofrece a oportunidade de probar a experiencia do surf con dez bautismos gratuítos

Equiocio Ferrol volve mirar ao mar na súa programación de lecer previa ao certame. A organización do evento hípico e de lecer ofrecerá un ano máis a posibilidade de iniciarse no surf, cunha xornada de “bautismos” gratuítos, aberta a persoas de calquera idade que queiran sumarse. A iniciativa, destinada a promocionar a Costa das Ondas, abre o prazo de inscrición.

A iniciativa, con prazas limitadas, desenvolverase o venres 3 de xullo, de 11 a 13 horas, da man dos profesionais de Ferrol Surf School, e terá como escenario algunha das praias próximas á contorna das Cabazas (Covas), espazo natural que acollerá en agosto o evento. A localización definitiva, como non pode ser doutro xeito, virá dada polas condicións do mar. Con todo, as opcións baralladas son os areais de Esmelle, San Xurxo, A Fragata ou O Vilar.

No marco da iniciativa, ofreceranse un total de 10 prazas, que se asignarán por rigorosa orde de inscrición. Trátase dunha actividade segura, divertida e adaptada a todos os niveis, coa que poder vivir a experiencia de cabalgar unha onda, ou, cando menos, intentalo.

En paralelo, e como vén sendo habitual, reservaranse seis prazas adicionais para persoas con algún tipo de discapacidade, pertencentes ás entidades sociosanitarias que colaboran decote coa organización.

Hoxe ábrese a inscrición para as sesións, e as persoas interesadas poden solicitar a súa enviando un correo a secretaria@equiocio.es sinalando nome e apelidos, DNI, e data de nacemento.

Deste xeito, Equiocio Ferrol, que contará como patrocinadores principais con Xunta de Galicia, Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, Gadis, Estrella Galicia,  colaboradores como Integral Motion, Sogama, ou a Comunidade de montes veciñais en man común Covas – Esmelle, volve apostar polo deporte como camiño para a promoción do Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas, incidindo no potencial deste territorio para a práctica de deportes acuáticos e, singularmente, como destino surf.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *