Equiocio Ferrol aposta este ano pola sonoterapia, e do 31 de xullo ao 3 de agosto, o evento acollerá sesións diarias de balde. Así mesmo, complementará estas actividades cunha morea de talleres centrados especialmente na música e o sonido.
Ana Pérez Lago, directora de Equiocio Ferrol e sonoterapeuta, estará acompañada de David Vaquerizo, médico e terapeuta formado en vibración con cuncas tibetanas e gongs; Nicolás Medina, artesán e músico, especialista en didgeridoo con raíces na tradición aborixe, e máis Adriano, músico intuitivo que se acompaña do monocorde. O equipo ofrecerá sesións de sonoterapia ás 12:00 horas e ás 19:00 horas, procurando ás persoas participantes unha viaxe vibracional para soltar tensión, abrir espazo interno e reconectar co esencial.
Nesa programación paralela, a psicóloga Laura López Brión ofrecerá o taller “Conciencia emocional”, dirixido a persoas de todas as idades. Será o sábado 2 de agosto ás 10 horas, e nel, convidarase a reconectar coas emocións e a aprender a habitalas con amabilidade.
Xa pola tarde, ás 16:00 horas, a educadora social Virginia Brandariz Laje proponnos un obradoiro pensado para activar mente, corpo e vínculo entre xeracións. “Cerebros en Movemento” é unha actividade de estimulación cognitiva que combina dinámicas lúdicas con exercicios deseñados para reforzar a memoria, a atención e o pensamento creativo. Unha oportunidade perfecta para compartir, rir e aprender xuntos, sen importar a idade.
O domingo 3 de agosto, ás 19 horas, Marta García Nieto, directora de Dando la Nota e especialista en pedagoxía musical infantil, guiará un taller de estimulación musical temperá para bebés e nenos/as onde descubrir o ritmo, a melodía e a maxia da música a través do xogo, o movemento e a emoción.
LABORATORIO CREATIVO
Durante Equiocio Ferrol, nenas e nenos tamén poderán explorar, crear e expresarse nun espazo pensado para espertar a súa creatividade e sensibilidade artística. Será no Laboratorio creativo con Dhalí Illingworth, que se celebrará o sábado 2 de agosto ás 18 horas e o domingo 3 de agosto ás 10 horas.
MAKER LAB Pola súa banda, Espacio Vivo regresará un ano máis a Equiocio Ferrol cos talleres Maker Lab. Trátase dunha proposta educativa onde nenos e nenas a partir de 7 anos e mozos e mozas de ata 15 poderán adentrarse no mundo da robótica, a programación, a carpintería creativa e o universo STEAM, sempre dende unha perspectiva colaborativa e fomentando a imaxinación. Son gratuítos, e celebraranse dous obradoiros o venres 1 e o domingo 3 de agosto ás 16:00 horas. A inscrición debe realizarse no propio certame, e as prazas cubriranse por orde de inscricións. As actividades teñen por obxectivo espertar vocacións, estimular o pensamento crítico e demostrar que aprender pode ser unha auténtica aventura.
