Equiocio reivindica o seu papel como dinamizador do turismo e como “marca Ferrolterra”

Equiocio reivindícase como o gran escaparate de Ferrolterra. O certame ecuestre e de lecer familiar, que hoxe se inauguraba oficialmente, presentábase esta mañá como incuestionable referencia hípica e como espazo aglutinador onde descubrir o moito e bo que oferta o Xeodestino e Galicia, coa paisaxe, os deportes en plena natureza e a gastronomía como algunhas das súas grandes bazas.

Na inauguración, na que participaron a conselleira do Mar, Rosa Quintana; o tenente alcalde de Ferrol, Antonio Golpe; e a deputada provincial Sandra González, Ricardo Pérez Lama, presidente do Comité organizador do certame, sinalaba que “Equiocio evoluciona e reinvéntase permanentemente, sen renunciar á súa esencia de evento para toda a familia”.

Nesta liña, apuntaba que o certame supera o puramente deportivo, téndose consolidado como elemento de dinamización turística dun destino de primeira orde. Destacaba o tirón do evento no que participan preto de 300 xinetes e amazonas chegados de toda España e de Portugal, así como a presenza, con stands promocionais, de ata oito municipios da comarca e da Mancomunidade de Concellos de Ferrol. “Equiocio é marca Ferrolterra”, concluíu, antes de agradecer o apoio durante estes 31 anos de traxectoria – de forma continuada- das administración públicas e das firmas privadas patrocinadoras.

Tamén a representante da Deputación subliñaba o impacto no territorio do certame ecuestre e de ocio. “É un evento deportivo de alto nivel, un referente da hípica, pero ademais un recurso turístico con proxección a nivel nacional”.  Pola súa banda, o tenente incidía en que o evento “foi quen de ir vendo a evolución da sociedade e ir incorporando actividades deportivas, sociais e turísticas e valores como a inclusión, a solidariedade ou a igualdade”. “Estamos en débeda con Equiocio”, sentenciaba.

Finalmente, e antes de iniciar o tradicional percorrido polo recinto dunha comitiva integrada por representantes da política e da sociedade de Ferrolterra, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacaba que o certame é, neste momento, “moito máis que deporte, soubo sumar adeptos á hípica e valores compartidos”; subliñando o seu poder á hora de “dar visibilidade a unha Galicia máis sostible, unha Galicia máis solidaria, unha Galicia que ama a súa terra e o seu mar”, e destacou a oferta de Galicia sabe amar co que a consellería promociona a calidade e variedade dos produtos do mar frescos e en conservas da nosa terra.

PROGRAMACIÓN

Este venres, arrancaban nas dúas pistas centrais de Equiocio as competicións hípicas, o prato forte do certame, tanto as probas nacionais (o Concurso Nacional de Saltos Tres estrelas Cidade de Ferrol, como o de ponis, valedoiro para a “Copa Campeones 2022”, como as probas territoriais) e, en paralelo, intensificábanse as actividades paralelas (ruta btt, apertura do espazo infantil Pequeocio, obradoiros de Asotrame, ASCM…) Unha tendencia que se multiplicará coa chegada da fin de semana.

Así, este sábado haberá dende rutas de ebike a un obradoiros de mindfulness, alimentación saudable, e mesmo de cardado de lá. Actividades que se suman ás propostas de reciclaxe creativa e o de peiteado canino, ou á a presentación do libro solidario de Asarga “El sarcoma día a día”. E para completar a oferta de lecer, as catas de “Galicia sabe amar”. Desta volta, unha de pescada do pincho, de Burela, e outra de conservas.

Equiocio conta na súa 31 edición como principais patrocinadores coa Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, Xacobeo 2022, Concello de Ferrol, Estrella Galicia, Gadis e Deputación da Coruña.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *