Co ánimo de chamar a atención e poñer en valor unha das modalidades menos coñecidas do Camiño Inglés, a modelo e presentadora Paloma Lago, xunto ao director de Equiocio, Federico Pérez Lago, subíronse ao cabalo para encabezar unha expedición que cubriría parte da primeira etapa da ruta xacobea. Unha iniciativa que dá continuidade ao proxecto iniciado por Equiocio no 2022, cando completaban tamén o percorrido que une o punto de partida do camiño, no peirao ferrolán de Curuxeiras, e o Albergue de Neda, o primeiro do itinerario, previo paso por Narón.
A pasada semana, a expedición sorprendía a propios e estraños na ponte peonil que une as localidades de Narón e Neda. Alí arrincaban este ano o Camiño Inglés dacabalo coa firme intención de promocionalo, recorrendo para iso ás redes sociais. Unha modalidade que, segundo os últimos datos oficiais, tan só realiza o 1% dos peregrinos que opta pola ruta con punto de inicio en Ferrol. En todo caso, unha modalidade cun extraordinario potencial para o territorio.
Ao trote por Neda, gozaron do centro histórico e da súa Torre do Reloxo, antigo Hospital de Peregrinos, ou das fermosas vistas da ribeira de San Nicolás. Continuaban pola paisaxe agreste e industrial de Fene, e alcanzaban Cabanas, en cuxa concorrida praia puxeron fin á etapa.
Federico Pérez Lago, á fronte da dirección deportiva de Equiocio, que este ano se celebrará do 3 ao 6 de agosto en Ferrol, xa avanza que continuarán levando a cabo novas iniciativas para lograr que este itinerario xacobeo dacabalo gañe terreo.