Equiocio Ferrol contará este ano con Punto Violeta. Da man do Patronato Concepción Arenal, o certame hípico e de lecer familiar, que se celebrará no Campo das Cabazas do 3 ao 6 de agosto, disporá dun espazo que ofrecerá permanentemente información ao público sobre temas de igualdade de xénero, ademais de orientar e acompañar ás mulleres que sexan vítimas de calquera tipo de agresión machista durante o evento.
Usuarias e usuarios da Asociación, cunha ampla experiencia labor en favor da defensa dos dereitos das mulleres de Ferrolterra, participaron durante os últimos dez días nun curso de formación, impartido por profesionais de distintas áreas, sempre especializados en materia de igualdade de oportunidades e violencia de xénero, para pórse ao fronte deste punto de atención. O obxectivo, garantir que contan coa formación precisa para intervir e mobilizar os recursos axeitados para preservar a seguridade das mulleres que boten man deste servizo.
Avanzan dende o Patronato Concepción Arenal que durante o evento levarase a cabo un traballo activo a prol da concienciación. Así, por exemplo, apostarase polo reparto de material divulgativo, buscando implicar ao conxunto dos visitantes na loita contra a violencia machista e facilitarlle información sobre como actuar ante unha agresión deste tipo.
A posta en marcha do Punto Violeta enmárcase no conxunto de accións de igualdade que o certame impulsará co apoio da Xunta de Galicia. Iniciativas que incluirán ademais a posta en marcha de obradoiros de conciliación nos que se atenderá aos menores mentres os seus proxenitores participan nas competicións hípicas ou ben desfrutan da oferta deportiva e de lecer de Equiocio Ferrol.