Entidades sociais protagonizan unha nova plantación no Campo das Cabazas

Equiocio daba continuidade esta mañá ao seu calendario 2022 cunha acción na que, unha vez máis, compromiso social e medio ambiente déronse a man. Así, celebraba unha xornada de plantación coa que avanzaba na recuperación e posta en valor do espazo que en Covas (Ferrol) lle serve de escenario á competición hípica. Un lugar de extraordinario valor medio ambiental, propiedade da Xunta de Montes de Covas e Esmelle, que ten experimentado unha espectacular transformación dende 2017, cando Equiocio muda a súa localización dende o recinto feiral de Punta Arnela.

Estas novas labores de valorización dos terreos contaron esta mañá coa participación dalgunhas das 17 entidades do ámbito sociosanitario que forman parte de Equiocio Social. Así, usuarios e usuarias, traballadores e traballadoras e representantes de directivas poñíanse mans á obra e, converténdose por unhas horas en esmerados xardineiros e xardineiras, protagonizaban a plantación. Así mesmo, no acto tomaron parte a delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros; a concelleira de Servizos Sociais do Concello de Ferrol, Eva Martínez Montero, e Helena Barreiro, do Departamento de Márketing de Gadis. As tres puxeron tamén a súa semente na plantación organizada no Campo das Cabazas.

Delimitáronse 4 zonas diferenciadas: a pista central, en cuxo perímetro locen agora espléndidas tullas; a parte frontal da pista de quecemento, na que se plantaron metrosideros; o lateral da mesma pista, onde se situaron neste caso arbustos con flor, e a zona contigua, espazo do xardín botánico creado hai 2 anos. Neste último punto, e co ánimo de darlle continuidade, sumáronse plantas aromáticas. En total, ao redor do centenar.

Foi un auténtico traballo en rede, colectivo e responsable en torno ao medio ambiente, no que Equiocio quixo agradecer especialmente a participación de ASCM, Aspanaes e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, así como o apoio brindado dende o Concello de Ferrol e a Xunta de Galicia ou dende firmas como Gadis, patrocinador oficial do certame.