Concertos de Malditos pendejos, Quentada e Deus para animar as noites de Equiocio Ferrol

A oferta de lecer de Equiocio Ferrol, que se celebra do 1 ao 4 de agosto, incorpora, un ano máis, concertos nos seus días fortes. A organización aposta por estirar a actividade no Campo das Cabazas ata preto da media noite dando protagonismo a bandas locais. O rock de Malditos pendejos quecerá a noite do venres, e o sábado será a queda do proxecto “Ecos de Covas”, destinado a promocionar a grupos emerxentes.

O compromiso de apoiar a marca Ferrol trasládase tamén ao terreo dos concertos. E así, tras a excelente acollida brindada hai dous anos, volven ao certame Malditos pendejos. A banda ofrecerá un dos seus poderosos directos, no que ademais de covers do rock español non faltarán os temas dos seus álbumes «El puto Rock & Roll» e «Revivir». Un concerto que promete converterse nunha festa rachada.

Pola súa banda, o sábado acenderase a primeira edición de “Ecos de Covas”, un proxecto co que Equiocio Ferrol quere servir tamén de plataforma de promoción de novos valores da nosa música. E así, tomarán o escenario do Campo das Cabazas bandas e solistas emerxentes de Ferrol.

Desta volta, o cartel incluirá o concerto acústico de Deus que, coa súa guitarra, reinterpreta temas que marcaron distintas épocas de artistas ben diversos. E despois será a quenda de Quentada, banda fundada no ano 2022 por alumnado e por exalumnos do Campus de Ferrol, que versiona, co seu estilo pop con toques roqueiros, cancións que soaron dende os anos 60 ata a actualidade, rendendo homenaxe a cada década.

Equiocio Ferrol contará este ano como principais patrocinadores coa Xunta de Galicia, o Concello de Ferrol, a Deputación da Coruña e firmas galegas como Gadis ou Estrella Galicia.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *