Equiocio Ferrol confiou na ilustradora ferrolá Carola Bouza a creación do cartel oficial da súa 35ª edición, un encargo que xa se atopa en fase de desenvolvemento e cuxos primeiros bosquexos forman parte do proceso creativo que dará forma á imaxe dunha edición especialmente significativa para o certame. A obra definitiva darase a coñecer proximamente, sumándose ás realizadas nos últimos anos por Eduardo Hermida, Carla Villaamil e Maribel Garrote. Así as cousas, Equiocio Ferrol continúa apostando polo talento artístico do territorio, reforzando o vínculo entre o certame e a creación cultural contemporánea de Ferrolterra.
A ilustradora recoñece afrontar o proxecto con “unha enorme ilusión e responsabilidade”. “Equiocio forma parte do imaxinario colectivo de moitas xeracións de Ferrolterra e supón un reto apaixonante intentar condensar nunha soa imaxe todo o que representa o evento: deporte, natureza, cultura, convivencia e territorio”, sinala Carola Bouza.
A colaboración da artista con Equiocio Ferrol irá ademais máis aló do cartel oficial. Durante os días de celebración do evento, do 6 ao 9 de agosto, contará cun espazo propio no recinto, onde o público poderá coñecer parte da súa traxectoria e obra artística. Así mesmo, desenvolverá unha creación en directo que se completará ao longo do certame e que posteriormente se destinará a unha iniciativa solidaria. A peza resultante sortearase con fins benéficos, destinándose a recadación íntegra a apoiar o labor das entidades participantes en Equiocio Social, o programa que articula o compromiso social do evento e que reúne cada ano a asociacións e organizacións do terceiro sector das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

SOBRE A ILUSTRADORA
Carola Bouza (Ferrolterra, 1997) é unha artista multidisciplinar especializada en debuxo e ilustración. O seu traballo abarca proxectos de ilustración, obra de gran formato e creación audiovisual en stop motion. Expuxo en diferentes cidades de Galicia e do norte de Portugal e actualmente compaxina a súa actividade artística co deseño de moda. A natureza, a paisaxe e a relación das persoas coa contorna constitúen as principais fontes de inspiración do seu universo creativo.
O certame volverá contado neste 2026 co Concello de Ferrol, a Deputación da Coruña Coruña e a Xunta de Galicia, así como Gadis e Estrella Galicia como patrocinadores principais.
