A Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra-AXF e Equiocio Ferrol renovan o seu acordo de colaboración, e no día de hoxe, a presidenta da asociación, Teresa Gallo, e o presidente do comité organizador do evento, Ricardo Pérez Lama, asinaban o documento que estará vixente para este 2026. Xunto a eles, estiveron tamén presentes a directora de Equiocio Ferrol, Ana Pérez Lago, e o director deportivo, Federico Pérez Lago. Como en exercicios anteriores, o acordo permitirá contar co servizo de intérprete de lingua de signos nos actos e actividades que desenvolva Equiocio Ferrol tanto na programación previa, de aquí a agosto, como no propio certame, do 6 ao 9 de agosto no Campo das Cabazas-Covas.
Así o avanzaban esta mañá ambas partes, ás portas do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas (14 de xuño), unha data que AXF está a celebrar este venres cun intenso programa na casa consistorial de Ferrol e no que tamén está presente Equiocio Ferrol.
Ao integrar de forma transversal a lingua de signos na súa programación, Equiocio Ferrol continúa avanzando no seu carácter inclusivo e integrador, eliminando obstáculos á participación das persoas con independencia das súas capacidades. Neste caso, derribando a barreira auditiva, e por tanto, favorecendo a accesibilidade por parte das persoas xordas.
O servizo activarase nunha dobre dirección: a demanda da organización de Equiocio Ferrol, e tamén a solicitude da propia AXF, cando os seus socios e socias o requiran para participar nas accións previstas.
