A fórmula de Equiocio Ferrol demostra a súa forza atraendo a uns 25.000 visitantes na súa 35 edición

Nova xornada de intensísima calor para despedir a edición 35 aniversario de Equiocio Ferrol. Unhas 25.000 persoas pasaron nestes catro días polo Campo das Cabazas, en Covas, para seguir as competicións hípicas -auténtico corazón do emblemático certame-, e ao tempo, deixarse levar polas propostas de lecer paralelas deseñadas pola organización.

O certame hípico recuperaba nesta edición especial, tras anos aparcada, a tradición senlleira do nomeamento do xinete de honra. Unha distinción que outorgou a Manuel Sánchez Hermida, quen fóra durante décadas Xefe de negociado de Alcaldía e xefe de protocolo do Concello de Ferrol, “en recoñecemento polo seu compromiso e polo apoio brindado ao evento ao longo dos últimos 35 anos”.

Sánchez Hermida recibía emocionado o trofeo de mans do concelleiro de Deportes, Ricardo Aldrey, e do presidente da Federación Hípica Galega, Federico Pérez Lago.

Equiocio Ferrol despedirase esta tarde tras comprobar, unha vez máis, o excelente rendemento do seu formato “orixinal e único”, que como sinalaba días atrás o presidente do Comité organizador, Ricardo Pérez Lama, é a mestura perfecta de hípica, turismo, cultura, gastronomía, inclusión, igualdade, sostibilidade e familia.

Segundo os primeiros cálculos da organización, e a pesar da abafante calor destas xornadas, máis de 25.000 persoas “peregrinaron” durante os últimos días a Covas para desfrutar do Concurso Nacional de Saltos*** Cidade de Ferrol, que gañou, por primeira vez na historia, unha amazona (a inglesa Vicky Burd), do nacional de ponis e da competición territorial.

No que atinxe á oferta de lecer, cobraron peso e reforzaron o seu gancho as actividades relativas á saúde integral como os talleres de sonoterapia e reflexoloxía. Volveron triunfar as degustacións de produtos do mar de GALICIA SABE AMAR e os talleres infantís de cociña creativa de Gadis; sorprenderon propostas como os test drive de Integral Motion; as charlas da Universidade da Coruña, e “Lenzos sonoros” de Arte BCen, que funde músicas meditativas e pintura, e rendeu tributo ás Meninas de Canido.

A edición 35 aniversario de Equiocio Ferrol conta co patrocinio da Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, Estrella Galicia, Gadis, Integral Motion, Deporte Galego e as colaboracións de JRilo, Pavo, a Federación Hípica Galega, e a Comunidade de Montes veciñais en man común de Covas- Esmelle.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *