Equiocio encara as súas últimas horas recuperando as cifras de público prepandemia

Equiocio despide esta tarde unha edición marcada pola volta á normalidade e polo bo tempo. Dous factores que contribuíron ao éxito de público do certame hípico e de lecer familiar que, no terreo da competición, bateu o seu propio récord de saídas á pista (case 1.000) e que, na súa programación complementaria, apostou pola multiplicación das actividades paralelas. Especial éxito tiveron as relacionadas coa gastronomía, os deportes de natureza, e a sostibilidade.

O Campo das Cabazas, en Covas- Ferrol, volveu converterse en centro neurálxico do mundo da hípica en Galicia. Os diferentes concursos ecuestres desenvolvidos –Concurso Nacional de Salto tres estrela Cidade de Ferrol, o concurso de ponis valedoiro para a “Copa Campiones 2022” e probas territoriais- fixeron valer o seu efecto imán, atraendo a xinetes e amazonas de boa parte de España, e mostrando o potencial da canteira, grazas a unhas probas de ponis que non deixan de sumar talento.

O xinete madrileño Álvaro Gil Gómez a lombos de “Ulyss Van Pottelberg” impúxose na competición estrela: o Gran Premio Cidade de Ferrol, que finalmente se disputaron exclusivamente deportistas españois. Entregoulle o galardón o alcalde de Ferrol, Ángel Mato. Completaron o podio desta proba disputada sobre 1.35 m, Javier González Fraga, quen se impuxo nas dúas probas grandes das xornadas anteriores, e Guillermo Araújo.       

As primeiras estimacións da organización apuntan a que, durante os catro días do evento (do 4 ao 7 de agosto), pasaron por As Cabazas uns 25.000 visitantes, moitos deles de fóra de Galicia, a pesar de que o calendario fixo que coincidise con múltiples eventos tamén consolidados na comarca. Os datos son semellantes aos obtidos antes da pandemia, que constatan que a fórmula de Equiocio, tras 31 edicións, segue resultando infalible. 

ACTIVIDADES PARALELAS

Máis aló das cifras, a do 2022 foi a edición na que se recuperaron os concertos nocturnos (o dos Limóns arrasou), o ano no que se consolidou a vocación do certame de servir de escaparate turístico do Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas -hasta oito municipios e a Mancomunidade de Concellos “venderon” os seus atractivos para atraer visitantes- e contribuír a crear conciencia ambiental e social. Funcionaron ben os obradoiros de conciliación e os de sustentabilidade (talleres de reciclaxe creativa para o público infantil).

Con todo, as actividades paralelas que espertaron un interese maior foron as degustacións da campaña “Galicia sabe amar”, destinadas a promocionar os produtos frescos e en conserva do mar galego, e as propostas ligadas ao deporte na natureza, coa ruta de btt e a yincana infantil como bazas fundamentais.

Equiocio 2022 contou como principais patrocinadores á Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, Concello de Ferrol, Estrela Galicia e Gadis.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará